The Flaming Lips

banda de rock alternativo estadounidense

The Flaming Lips é unha banda de rock alternativo estadounidense formada en 1983 en Oklahoma City (Oklahoma). Actualmente está composta por Wayne Coyne (guitarra e voz), Michael Ivins (baixo), Steven Drozd (guitarra) e Kliph Scurlock (batería).

The Flaming Lips
OrixeOklahoma City, Oklahoma, Estados Unidos
Período1983 - presente
Xénero(s)rock alternativo, dream pop
Selo(s) discográfico(s)Restless Records, Warner Bros. Records Bella Union
MembrosWayne Coyne
Michael Ivins
Steven Drozd
Kliph Scurlock
Antigos membrosRonald Jones
Jonathan Donahue
Mark Coyne
Dave Kostka
Richard English
Nathan Roberts
John Mooneyham
Na rede
http://www.flaminglips.com
IMDB: nm1271748 Facebook: flaminglips Twitter: theflaminglips Instagram: waynecoyne5 MySpace: flaminglips Vimeo: delocreative Souncloud: theflaminglipsofficial Spotify: 16eRpMNXSQ15wuJoeqguaB iTunes: 156604 Last fm: The+Flaming+Lips Musicbrainz: 1f43d76f-8edf-44f6-aaf1-b65f05ad9402 Songkick: 7453 Discogs: 67156 Allmusic: mn0000065590 Deezer: 1857 Genius: The-flaming-lips Editar o valor en Wikidata

O grupo gravou varios álbums e EPs co selo independente Restless Records nos 80 e principios dos 90. Tras fichar por Warner Brothers, a banda publicou o seu primeiro álbum cun gran selo en 1992, Hit to Death in the Future Head. Posteriormente editou The Soft Bulletin (1999), que foi o álbum do ano para a revista NME, e despois Yoshimi Battles the Pink Robots (2002). En febreiro de 2007 o grupo foi nomeado ao BRIT Award ao Mellor artista internacional. The Flamming Lips gañou tres Grammy, incluídos dous á mellor actuación internacional de rock instrumental. A revista Q magazine introduciu ao grupo na súa lista das "50 bandas que ver antes de morrer" en 2002.

Historia

editar

Primeiros anos

editar

A banda foi formada en Oklahoma City no ano 1983 por Wayne Coyne á guitarra, o seu irmán Mark facendo as voces principais, Michael Ivins ao baixo e Dave Kotska na batería. A banda debutou no Blue Note Lounge de Oklahoma City. En 1984 Richard English uniríase á banda en substitución de Kotska. Ese mesmo ano gravaron o EP The Flaming Lips, o seu único lanzamento con Mark encargándose das voces principais.

Existen varias teorías sobre como a banda escolleu o nome, que en galego podería traducirse como "Os beizos ardentes". Unha posibilidade é que inspirouse no filme de 1953 Geraldine, no cal o cómico Stan Freberg canta varias cancións, incluída unha chamada "Flaming Lips". Outra posible fonte é a película de Shirley MacLaine de 1964 What a Way to Go! na que o personaxe de Gene Kelly protagoniza unha película titulada Flaming Lips. Porén, segundo un artigo no número do 16 de setembro de 1993 da revista Rolling Stone, a Mark e Wayne[1] ocorréuselles o nome como referencia a un rumor sobre un compañeiro de clase que contraeu herpes xenital despois de recibir cunnilingus dunha parella con herpes labial activo.

Tras a marcha do seu irmán, Wayne encargouse das voces e a banda gravou en 1986 o seu primeiro álbum, Hear It Is, a través do selo Pink Dust Records (a filial de rock psicodélico de Enigma Records) nos Southern Studios de Londres. esta formación gravou dous álbums máis: Oh My Gawd!!! (1987) e Telepathic Surgery (1989), este último planeado orixinalmente como un collage sonoro de 30 minutos.

O batería Nathan Roberts substituíu a English e o guitarrista Jonathan Donahue (tamén membro do grupo de rock alternativo Mercury Rev) uníuse en 1989. In a Priest Driven Ambulance, o seu primeiro disco co produtor Dave Fridmann, gravouse na Universidade Estatal de Nova York en Fredonia por 5 dólares a hora cun presuposto de 10 000 dólares.[2] O álbum presentou unha marcada espansión no son da banda e os seus anteriores experimentos con cintas de bucles e efectos tiveron aquí un papel máis destacado. Durante este período Coyne fixo a súa transición a un estilo vocal máis agudo e máis tenso semellante ao de Neil Young, que usou por primeira vez en "Chrome Plated Suicide" de Telepathic Surgery e que empregou desde entón.

En 1990 a banda coptou a atención da Warner Bros. Records, e asinaron un contrato despois de que un representante do selo vise un concerto no que o grupo case queimase o local polo uso de pirotecnia.[3]

 
Wayne Coyne

Contrato con Warner Bros.

editar

En 1992 a banda editou a súa estrea cun gran selo, Hit to Death in the Future Head. O lanzamento do álbum foi detido durante case un ano debido ao uso dunha mostra da partitura de Michael Kamen para a película Brazil na canción "You Have to Be Joking (Autopsy of the Devil's Brain)", que requiriu un longo proceso de autorización. Tras a gravación Donahue deixou o grupo para concentrarse en Mercury Rev. Roberts tamén deixaría The Flaming Lips, citando diferenzas creativas. Serían substituídos por Ronald Jones e Steven Drozd respectivamente.

En 1993 lanzaron Transmissions from the Satellite Heart. Este foi o único álbum de estudio, ata a data, dende In a Priest Driven Ambulance no cal Dave Fridmann non estivo involucrado. Debido ao éxito do traballo e do sinxelo "She Don't Use Jelly", a banda apareceu en tres populares series de televisión: Beverly Hills, 90210, The Late Show with David Letterman e Beavis and Butt-head. O éxito deste disco permitíulles a realización de longas xiras como abreconcertos de grupos como Red Hot Chili Peppers e Candlebox.

Clouds Taste Metallic foi publicado con moita promoción a finais de 1995, aínda que non acadou o éxito comercial do seu predecesor. A xira dun ano de Clouds, engadida á tensión dos tres anos de promoción de Transmissions fixo que Ronald Jones abandonase a banda a finais de 1996. Dixo que sufría dun severo caso de agorafobia, aínda que o documental Fearless Freaks afirma que deixou o grupo debido a súa crecente preocupación polo abuso de drogas de Drozd.

En setembro de 2014, a banda homenaxeou a Jones e o impacto que a súa música tivo no seu son interpretando Transmissions from the Satellite Heart ao vivo no club First Avenue. En febreiro de 2015 interpretaron Clouds Taste Metallic no mesmo lugar. Máis tarde, en decembro, lanzouse unha caixa polo 20 aniversario deste äultimo äalbum, chamada Heady Nuggs: 20 Years After Clouds Taste Metallic 1994-1997.

Zaireeka

editar

A marcha de Jones e unha xeral insatisfacción dos tres membros restantes co rock estándar redefiniron a dirección da banda co experimental Zaireeka (1997), un álbum de 4 CDs creado coa intención de ser escoitados en 4 reprodutores simultaneamente. A música incorpora tanto elementos musicais tradicionais como novos sons, como a musique concrète, á veces fortemente manipulados con procesadores electrónicos no estudio.

Como parte do desenvolvemento deste proxecto, a banda realizou unha serie de "experimentos de aparcadoiro" e posteriormente "experimentos de radiocasetes". Nos primeiros ata a 40 voluntarios se lle entregaron casetes creadas polo grupo para ser reproducidos nos seus coches simultaneamente nun aparcadoiro. Nos segundos, unha orquestra formada por 40 voluntarios con radiocasetes modificados foron dirixidos (para variar o volume, a velocidade ou o ton da cinta) por Wayne Coyne.[4]

Mentres tanto, unha serie de desafortunados incidentes (relatados na canción de 1999 "The Spiderbite Song") acosaron a banda. Un dos brazos de Drozd foi case amputado innecesariamente debido ao que el dicía que era a picadura dunha araña (que resultou ser un absceso polo consumo de heroína);[5] Ivins quedou atrapado durante varias horas no seu coche despois de que unha roda desprendida doutro vehículo golpease o seu parabrisas; e o pai de Coyne morreu despois dunha longa batalla contra o cancro.

 
A banda ao vivo

Éxito entre o gran público (The Soft Bulletin e Yoshimi)

editar

A pesar de que a través dos seus experimentos recibiron algunha cobertura por parte da prensa, a súa verdadeira irrupción chegou co seu lanzamento de 1999, The Soft Bulletin. Cheo de pegadizas melodías máis tradicionais con cordas sintéticas, ritmos hipnóticos coidadosamente manipulados, e excéntricas cancións de contido filosófico (cantadas con máis forza que en anteriores discos), o álbum converteuse rapidamente nun dos éxitos do underground dese anos, sendo amplamente considerado un dos mellores álbums da década.

Comparado por moitos críticos co álbum de The Beach Boys Pet Sounds debido á inclusión de sons e harmonías orquestrais, The Soft Bulletin tamén conta co uso de bastantes sintetizadores, caixas de ritmos, efectos de son e moito tratamento de estudio. A banda considerou que o intento de recrear o álbum ao vivo con músicos adicionais era complexo e caro, polo que os seus membros decidiron xirar como trío e usar música pre-gravada para encher esas partes que os tres músicos non podían interpretar. Quizais un dos principais motivos para decantarse por esta solución foi que o batería Drozd tocaría principalmente en directo os teclados e a guitarra en vez da batería.

Para mellorar a experiencia ao vivo da súa audiencia e para reproducir fielmente o son de The Soft Bulletin, a banda ideou o concepto de "Headphone Concert" (concerto para auriculares). Un transmisor FM de baixa potencia foi instalado nas súas presentacións, e o concerto foi transmitido simultaneamente a pequenos repectores tipo Walkman con auriculares dispoñibles de forma gratuíta para o público. Isto debería, en teoría, permitirlle á audiencia unha mellor claridade de son mentres sentían á súa vez a potencia da P.A. ao vivo. Este concepto estreouse en Dallas, Texas e na conferencia South by Southwest en Austin, Texas en marzo de 1999, e posteriormente usouse na súa xira International Music Against Brain Degeneration Revue. Esta xira contou tamén co artistas Cornelius, Sebadoh, Robyn Hitchcock, Sonic Boom's E.A.R. e IQU.

Tres anos despois, no verán do 2002, The Flaming Lips uniuse ás bandas Cake e Modest Mouse para a Unlimited Sunshine Tour. A banda tamén editou o álbum Yoshimi Battles the Pink Robots con bastante aclamación da crítica. Contando como convidado co músico Yoshimi P-We e cun maior uso de instrumentos electrónicos e tratamento por ordenador que The Soft Bulletin, Yoshimi é amplamente considerado o seu primeiro éxito comercial e de crítica despois de case 20 anos como banda. A última pista do disco, "Approaching Pavonis Mons by Balloon (Utopia Planitia)", gañou o Grammy do 2003 á mellor interpretación de rock instrumental, e o álbum foi certificado ouro o 10 de abril do 2006. En marzo do 2007 a banda anunciou que formaran equipo co guionista Aaron Sorkin para producir un musical en Broadway baseado no álbum.

Despois do éxito de Yoshimi, Steven Drozd rehabilitouse da súa adicción á heroína, decisión que tomou tras un altercado físico con Wayne Coyne.

At War with the Mystics

editar

Pouco despois de Yoshimi, estimouse que The Soft Bulletin vendera ao redor das 300.000 copias nos Estados Unidos, e chegaría a ser ouro en maio do 2007. The Flaming Lips publicaron dous EPs na mesma liña "robótica" que o seu anterior álbum, Fight Test e Ego Tripping at the Gates of Hell, contendo cancións remesturadas de Yoshimi. Tamén apareceron no tema "Marching the Hate Machines (Into the Sun)" do álbum de Thievery Corporation The Cosmic Game. No 2002 foron convidados a traballar no estudio con The Chemical Brothers, e produciron xuntos un sinxelo chamado "The Golden Path", incluído no recompilatorio dos Chemical Brothers Singles 93-03. Nesta canción, as voces principais foron interpretadas por Wayne Coyne con Steven Drozd realizando harmonías vocais. Ademais dos dous EPs lanzados, a banda estivo traballando durante varios anos nunha película titulada Christmas on Mars. A súa rodaxe rematou a finais de setembro do 2005 e foi estreada o 25 de maio do 2008 no Sasquatch! Music Festival.

 
Ao vivo no 2007

No 2002 actuaron como abreconcertos, ademais de como banda acompañante, de Beck, na súa xira do álbum Sea Change. No verán do 2004 anunciouse que The Flaming Lips sería unha das cabezas de carteis do Lollapalooza dese ano, xunto con artistas como Sonic Youth e Morrissey; porén, o festival foi cancelado debido á falta de ingresos. Despois da suspensión, a banda entrou no Tarbox Road Studio co produtor Dave Fridmann e comezou a traballar no seu novo álbum, 'At War with the Mystics. O disco, máis guitarreiro e pesado e cunhas letras máis políticas que as súas edicións anteriores, foi publicado en abril do 2006.

No ano 2005 a bada foi protagonista dun documental chamado Fearless Freaks, no que aparecían outros artistas e famosos como Gibby Haynes, The White Stripes, Beck, Christina Ricci, Liz Phair, Juliette Lewis, Steve Burns, Starlight Mints e Adam Goldberg. Ese mesmo ano The Flaming Lips contribuíron cunha versión de "Bohemian Rhapsody" no álbum Killer Queen: A Tribute to Queen, e tamén lanzaron o DVD VOID (Video Overview in Deceleration), que narra as súas aventuras cos vídeos musicais dende que asinaron con Warner Bros. en 1991. No mes de outubro do 2005 a banda gravou unha versión de "If I Only Had a Brain" para a banda sonora do videoxogo Stubbs the Zombie, que conta con bandas de rock modernas versionando cancións dos anos 50 e 60. Ademais, o grupo publicou un novo tema, "Mr. Ambulance Driver", para a película Wedding Crashers.

A banda editou dous sinxelos de At War With the Mystics: "The W.A.N.D.", que apareceu nun anuncio de Dell e que orixinalmente foi lanzado só como descarga a principios de 2006; e "The Yeah Yeah Yeah Song", que se converteu seu sinxelo que máis alto chegou nas listas británicas, acadando o número 16. Un EP de catro temas, It Overtakes Me, foi publicado posteriormente no Reino Unidos ese mesmo ano. A única canción instrumental do mesmo, "The Wizard Turns On... The Giant Silver Flashlight and Puts on His Werewolf Moccasins", gañou o Grammy á mellor interpretación instrumental de rock, facendo que a banda gañase dúas veces seguidas esa categoría.

Despois do lanzamento de At War with the Mystics o 4 de abril do 2006, a banda iniciou unha xira de promoción do álbum polo Reino Unido, con final no Royal Albert Hall e unha actuación no O2 Wireless Festival. A banda continuou de xira durante o outono do 2006 parando en Montreal, no Virgin Festival, na Hause of Blues de Atlantic City, Nova Jersey, na Universitidade de Vermont, en Oklahoma City, no Austin City Limits Music Festival en Austin, Texas, e en Nova York.

O 5 de decembro Oklahoma City homenaxeou á banda poñendolle o nome dunha calexa do centro, e Vince Gill e Charlie Christian tamén lles deron nomes a rúas da cidade. Flaming Lips Alley (o nome da calexa) atópase na zona de entretemento de Oklahoma City, en Bricktown. Na súa inauguración oficial, no ano 2007, Coyne said de Oklahoma City, "...Estamos en camiño de converternos, penso, na puta cidade máis fría dos Estados Unidos".

Christmas On Mars

editar

No ano 2001 The Flaming Lips comezou a rodar unha película independente de baixo presuposto chamada Christmas on Mars. O filme conta a historia do primeiro Nadal dunha colonia instalada na superficie de Marte. Christmas On Mars foi escrita por Wayne Coyne, e co-dirixida por Coyne, Bradley Beesley e George Salisbury. A banda e os seus amigos actúan na película.[6] A rodaxe rematou a finais de setembro de 2005 e estreouse o 25 de maio de 2008 no Sasquatch! Music Festival.[7]

The Flaming Lips levaron Christmas On Mars a festivais de rock ao longo dos Estados Unidos durante o verán dese ano, proxectándoa nunha gran carpa de circo que mercaran para ese propósito. A película foi lanzada en DVD o 11 de novembro do 2008, xunto cunha banda sonora composta e interpretada por The Flaming Lips.

Embryonic e Dark Side of the Moon

editar

A banda publicou o seu primeiro concerto en DVD, UFO's at the Zoo: The Legendary Concert in Oklahoma City, o día 7 de agosto do 2007. O grupo tamén contribuíu en varías bandas sonoras de películas dese ano, como cos temas "The Supreme Being Teaches Spider-Man How to be in Love" para Spider-Man 3, "I Was Zapped by the Super Lucky Rainbow" para Good Luck Chuck, "Love the World You Find" para Mr. Magorium's Wonder Emporium, e “Maybe I’m Not the One" e "Tale of the Horny Frog" para The Heartbreak Kid.

No 2009 publicaron o seu décimo segundo álbum de estudio e primeiro álbum dobre, Embryonic. O disco, que foi o promeiro da banda en estrearse no top 10 da Billboard, foi aclamado pola crítica pola súa atrevida nova dirección. No mes de decembro editaron o seu segundo traballo dese ano, unha versión tema por tema do álbum de Pink Floyd The Dark Side of the Moon, que foi gravado coa banda Stardeath and White Dwarfs e conta como convidados con Henry Rollins e Peaches. O álbum foi editado fisicamente en vinilo e CD no 2010.

En 2010 a banda interpretou o tema "I Can Be a Frog" na serie de televisión de Nick Jr. Yo Gabba Gabba!.[8]

Lanzamentos de 2011

editar

En xaneiro de 2011 a banda anunciou a súa intención de lanzar unha nova canción cada mes do ano. En febreiro publicouse o primeiro tema, titulado "Two Blobs Fucking". A canción existe como 12 pezas separadas en YouTube e deben reproducirse simultaneamente para ser escoitada como se pretendía.

No mes de marzo os Lips lanzaron o EP The Flaming Lips with Neon Indian. En abril a banda publicou o EP Gummy Song Skull, un cranio de goma cunha memoria USB dentro do cerebro con catro temas nela. Este lanzamento foi moi limitado, pero ao pouco tempo o seu contido foi filtrado a través de Internet.

En maio a banda publicou o seu segundo EP colaborativo titulado The Flaming Lips with Prefuse 73. Contén catro cancións e foi lanzado de xeito semellante ao anterior EP Neon Indian, nunha edición extremadamente limitada formada por discos de cores aleatorias únicos. Este EP estivo dispoñible brevemente na páxina oficial da banda, pero esgotouse pouco despois de que se puxese á venda.

En xuño a banda realizou varios lanzamentos, sendo o primeiro The Soft Bulletin: Live la Fantastique de Institution 2011, unha gravación ao vivo en estudio do seu álbum de 1999 The Soft Bulletin que viña nunha unidade flash incrustada nun cerebro con sabor a marihuana dentro dunha caveira de gominola con sabor a amorodo. Este só foi lanzado no show de dúas noites da banda no Hollywood Forever Cemetery os días 14 e 15 de xuño.

Discografía

editar
Álbum Ano Selo
Hear It Is 1986 Restless
Oh My Gawd!!! 1987 Restless
Hit to Death in the Future Head 1992 Warner
Transmissions from the Satellite Heart 1993 Warner Bros.
Clouds Taste Metallic 1995 Warner Bros.
Zaireeka 1997 Warner Bros.
The Soft Bulletin 1999 Warner Bros.
Yoshimi Battles The Pink Robots 2002 Warner Bros.
At War with the Mystics 2006 Warner Bros.
Embryonic 2009 Warner Bros.
The Terror 2013 Warner Bros./Lovely Sorts of Death, Bella Union
Oczy Mlody 2017 Warner Bros./Bella Union
King's Mouth 2019 Warner Bros./Bella Union
American Head 2020 Warner Bros./Bella Union
  1. Darzin, Daina (1993-09-16). "Butthole Surfers, Stone Temple Pilots, Flaming Lips Invade New York". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2024-09-16. 
  2. DeRogatis, Jim. Staring at Sound: The True Story of Oklahoma's Fabulous Flaming Lips. Broadway Books, 2006. ISBN 978-0-7679-2140-4
  3. "The Flaming Lips". web.archive.org. 2003-11-05. Archived from the original on 05 de novembro de 2003. Consultado o 2024-09-16. 
  4. "The Flaming Lips". web.archive.org. 2007-03-10. Archived from the original on 10 de marzo de 2007. Consultado o 2024-09-17. 
  5. "Ink 19 :: The Flaming Lips". web.archive.org. 2011-07-16. Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2011. Consultado o 2024-09-17. 
  6. Coyne, Wayne; Beesley, Bradley; Salisbury, George (2008-05-24). "Christmas on Mars". Consultado o 2020-11-13. 
  7. "Christmas on Mars (2008) - IMDb". Consultado o 2020-11-13. 
  8. Breihan, Tom. "Video: The Flaming Lips Do "Yo Gabba Gabba"". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2020-11-13. 


Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar